24 de mai. de 2011

Video-fórum de ACSUR Las Segovias no Espazo Solidario

O xoves 2 de xuño de 2011 en horario de 19:30 a 20:30 h. terá lugar no Espazo Solidario (Paseo das Pontes s/n)  unha sesión de video-fórum dinamizado pola Asociación  para a Cooperación co Sur Las Segovias (ACSUR); actividade encadrada dentro do seu proxecto “Unha economía para o desenvolvemento”. Este proxecto promove a sensibilización da cidadanía cara novas formas de relacións económicas máis positivas co entorno e as persoas como son o Comercio Xusto, a Banca e Aforro Ético, ou o Consumo Responsable.

A través do visionado de dúas curtametraxes (elaboradas no marco de dous cursos de vídeo participativo impartidos por ACSUR) e posterior reflexión sobre as mesmas, teremos a oportunidade de achegarnos a dúas realidades que nos falan sobre alternativas da economía solidaria. Búscase concienciar ás persoas consumidoras do seu papel como axentes de desenvolvemento, dándolles a coñecer as distintas prácticas de consumo que buscan promover o desenvolvemento das sociedades de xeito mais xusto e equilibrado, dotando ás relacións entre o Norte e o Sur dun elemento de xustiza social.

Quedades todos e todas convidados/as!.
CURTAMETRÁXES

“Minar”  (12 minutos) Aborda o impacto do proxecto de explotación mineira en Pico Vello (As Pontes). A zona de Pico Vello está nas proximidades do Parque Natural Fragas do Eume e ao seu pé , atópase o que constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro, ámbolos dous incluídos xa na Rede Natura 2000.
A posta en funcionamento da explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños...) Esta explotación provocaría a eliminación definitiva e irreversible da fonte principal do río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra unha poboación importante dos concellos de A Capela, Cabanas, Fene, Neda e Ferrol.

“Sempre foron cinco” (15 minutos) Fantástica homenaxe ás avóas e  a todas esas mulleres que sen moitos recursos sacaron adiante as xeracións anteriores resaltando a austeridade como valor. A curta ofrece un paralelismo entre ese modelo económico de superación e aforro e novas alternativas financeiras non lucrativas que poñen o centro de atención en proxectos con rendibilidade social ou cultural para que as persoas que teñan unha idea de autoemprego viable poidan ser protagonistas da súa vida.

                                                

Nenhum comentário:

Postar um comentário