24 de mai. de 2011

Video-fórum de ACSUR Las Segovias no Espazo Solidario

O xoves 2 de xuño de 2011 en horario de 19:30 a 20:30 h. terá lugar no Espazo Solidario (Paseo das Pontes s/n)  unha sesión de video-fórum dinamizado pola Asociación  para a Cooperación co Sur Las Segovias (ACSUR); actividade encadrada dentro do seu proxecto “Unha economía para o desenvolvemento”. Este proxecto promove a sensibilización da cidadanía cara novas formas de relacións económicas máis positivas co entorno e as persoas como son o Comercio Xusto, a Banca e Aforro Ético, ou o Consumo Responsable.

A través do visionado de dúas curtametraxes (elaboradas no marco de dous cursos de vídeo participativo impartidos por ACSUR) e posterior reflexión sobre as mesmas, teremos a oportunidade de achegarnos a dúas realidades que nos falan sobre alternativas da economía solidaria. Búscase concienciar ás persoas consumidoras do seu papel como axentes de desenvolvemento, dándolles a coñecer as distintas prácticas de consumo que buscan promover o desenvolvemento das sociedades de xeito mais xusto e equilibrado, dotando ás relacións entre o Norte e o Sur dun elemento de xustiza social.

Quedades todos e todas convidados/as!.
CURTAMETRÁXES

“Minar”  (12 minutos) Aborda o impacto do proxecto de explotación mineira en Pico Vello (As Pontes). A zona de Pico Vello está nas proximidades do Parque Natural Fragas do Eume e ao seu pé , atópase o que constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro, ámbolos dous incluídos xa na Rede Natura 2000.
A posta en funcionamento da explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños...) Esta explotación provocaría a eliminación definitiva e irreversible da fonte principal do río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra unha poboación importante dos concellos de A Capela, Cabanas, Fene, Neda e Ferrol.

“Sempre foron cinco” (15 minutos) Fantástica homenaxe ás avóas e  a todas esas mulleres que sen moitos recursos sacaron adiante as xeracións anteriores resaltando a austeridade como valor. A curta ofrece un paralelismo entre ese modelo económico de superación e aforro e novas alternativas financeiras non lucrativas que poñen o centro de atención en proxectos con rendibilidade social ou cultural para que as persoas que teñan unha idea de autoemprego viable poidan ser protagonistas da súa vida.

                                                

Imaxes para lembrar...

Aquí deixamos algunhas imaxes da conferencia que tivo lugar o pasado 5 de maio no Espazo Solidario. Grazas a Marcos Chan e a Xulio Ríos pola súa compartir connosco o seu amplo coñecemento sobre a situación de Taiwan; de feito un Estado.

Imaxes para lembrar...

3 de mai. de 2011

Lembrando as actividades para esta semana no Espazo Solidario...

Convidámosvos a tomar parte nas actividades que terán lugar ao longo desta semana no Espazo Solidario:
  • Mércores, 4 de maio do 2011, ás 19:30 h. Charla informativa sobre xustiza económica, análise da situación económica actual e alternativas para o cambio. Enfocada desde as teses que defende o movemento cidadá ATTAC. A charla será dirixida por Marcos Gay Varela.

  • Xóves, 5 de maio do 2011, ás 20:00 h. "Taiwán: de feito un Estado": conferencia  ofrecida por Marcos Chan, representante da Oficina Económica e Cultural de Taipei en Madrid, que nos falará sobre a realidade deste país no ano en que se cumpre cen anos do derrube da derradeira dinastía imperial e o nacemento da primeira República de China.

  • 6 e 7 de maio do 2011 (venres das 16:00 ás 20:00 h e sábado das 10:00 ás 14:00 h). Obradoiro formativo Introdución ao voluntariado e á cooperación ao desenvolvemento. Inscríbete aquí ou ponte en contacto connosco a través do enderezo espazosolidario@yahoo.es.