29 de jun. de 2011

Campamento Maia no Espazo Solidario

Mañá xoves, 30 de xuño, de 9:30 a 18:30 h. terá lugar no Espazo Solidario unha xornada de convivencia que terá como eixe temático a cultura maia.
O consorcio formado polas catro ONGD galegas: Arquitectos Sen Fronteiras, Farmamundi Galicia, Solidariedade Internacional e Acsur Las Segovias convidou a 50 rapaces e as rapazas de entre 8 e 12 anos  da cidade da Coruña a participaren nunha xornada de convivencia nun verdadeiro campamento maia para coñeceren a historia e as reinvidicacións actuais da poboación indíxena de Guatemala, especialmente as das súas mulleres. Ao longo da xornada, achegaranse ao xeito de vida das poboacións maias a través de xogos e dinámicas encadradas no marco da educación para o desenvolvemento e que fusionan o xogo coa aprendizaxe de experiencias. 
A convocatoria foi todo un éxito e as prazas cubríronse en menos de dúas semanas, chegando a haber listaxe de agarda.
Esta actividade forma parte do proxecto de sensibilización “Coñecendo os pobos, achegando culturas” e é o resultado do labor coordinado destas 4 ONGD galegas que están a traballar xuntas en Guatemala no marco do Programa de desenvolvemento integral Oxlajuj TzIkin, na costa do pacífico sur de Guatemala. O dito programa está impulsado pola Xunta de Galicia, en coordinación coas municipalidades de Retalhuleu e Champerico e busca contribuír ao crecemento de 18 comunidades mellorando as súas infraestruturas de habitabilidade básica e os seus servizos de saúde e educación; impulsando a soberanía destes pobos en materia alimentaria, incidindo ao mesmo tempo no fortalecemento comunitario e das súas institucións políticas.
Esperemos que o sol nos acompañe toda a xornada!

14 de jun. de 2011

Charla "Alternativas á incineración do lixo"


 
 
 
O grupo de voluntariado Greenpeace en A Coruña ofrecerá unha conferencia este xoves, 16 de xuño, na que nos falarán sobre a situación do sistema de recollida e tratamento de residuos sólidos urbáns en Galicia, facendo especial fincapé nas consecuencias de elixir a incineración como método de tratamendo lixo.

CANDO? Este xoves, 16 de x...
uño, de 20:00 a 21:00 h
ONDE? No Espazo Solidario, sito no Paseo das Pontes s/n (na parte alta do parque)
SE TES MÁIS PREGUNTAS, NONO DUBIDES...981 184 200 ext. 88388

Desexamos que esta iniciativa sexa do voso interese e convidámosvos a participar desta actividade; así como a contribuir na súa difusión na medida do posible.
Ver máis

24 de mai. de 2011

Video-fórum de ACSUR Las Segovias no Espazo Solidario

O xoves 2 de xuño de 2011 en horario de 19:30 a 20:30 h. terá lugar no Espazo Solidario (Paseo das Pontes s/n)  unha sesión de video-fórum dinamizado pola Asociación  para a Cooperación co Sur Las Segovias (ACSUR); actividade encadrada dentro do seu proxecto “Unha economía para o desenvolvemento”. Este proxecto promove a sensibilización da cidadanía cara novas formas de relacións económicas máis positivas co entorno e as persoas como son o Comercio Xusto, a Banca e Aforro Ético, ou o Consumo Responsable.

A través do visionado de dúas curtametraxes (elaboradas no marco de dous cursos de vídeo participativo impartidos por ACSUR) e posterior reflexión sobre as mesmas, teremos a oportunidade de achegarnos a dúas realidades que nos falan sobre alternativas da economía solidaria. Búscase concienciar ás persoas consumidoras do seu papel como axentes de desenvolvemento, dándolles a coñecer as distintas prácticas de consumo que buscan promover o desenvolvemento das sociedades de xeito mais xusto e equilibrado, dotando ás relacións entre o Norte e o Sur dun elemento de xustiza social.

Quedades todos e todas convidados/as!.
CURTAMETRÁXES

“Minar”  (12 minutos) Aborda o impacto do proxecto de explotación mineira en Pico Vello (As Pontes). A zona de Pico Vello está nas proximidades do Parque Natural Fragas do Eume e ao seu pé , atópase o que constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro, ámbolos dous incluídos xa na Rede Natura 2000.
A posta en funcionamento da explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños...) Esta explotación provocaría a eliminación definitiva e irreversible da fonte principal do río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra unha poboación importante dos concellos de A Capela, Cabanas, Fene, Neda e Ferrol.

“Sempre foron cinco” (15 minutos) Fantástica homenaxe ás avóas e  a todas esas mulleres que sen moitos recursos sacaron adiante as xeracións anteriores resaltando a austeridade como valor. A curta ofrece un paralelismo entre ese modelo económico de superación e aforro e novas alternativas financeiras non lucrativas que poñen o centro de atención en proxectos con rendibilidade social ou cultural para que as persoas que teñan unha idea de autoemprego viable poidan ser protagonistas da súa vida.

                                                

Imaxes para lembrar...

Aquí deixamos algunhas imaxes da conferencia que tivo lugar o pasado 5 de maio no Espazo Solidario. Grazas a Marcos Chan e a Xulio Ríos pola súa compartir connosco o seu amplo coñecemento sobre a situación de Taiwan; de feito un Estado.

Imaxes para lembrar...

3 de mai. de 2011

Lembrando as actividades para esta semana no Espazo Solidario...

Convidámosvos a tomar parte nas actividades que terán lugar ao longo desta semana no Espazo Solidario:
  • Mércores, 4 de maio do 2011, ás 19:30 h. Charla informativa sobre xustiza económica, análise da situación económica actual e alternativas para o cambio. Enfocada desde as teses que defende o movemento cidadá ATTAC. A charla será dirixida por Marcos Gay Varela.

  • Xóves, 5 de maio do 2011, ás 20:00 h. "Taiwán: de feito un Estado": conferencia  ofrecida por Marcos Chan, representante da Oficina Económica e Cultural de Taipei en Madrid, que nos falará sobre a realidade deste país no ano en que se cumpre cen anos do derrube da derradeira dinastía imperial e o nacemento da primeira República de China.

  • 6 e 7 de maio do 2011 (venres das 16:00 ás 20:00 h e sábado das 10:00 ás 14:00 h). Obradoiro formativo Introdución ao voluntariado e á cooperación ao desenvolvemento. Inscríbete aquí ou ponte en contacto connosco a través do enderezo espazosolidario@yahoo.es.

29 de abr. de 2011

Comezamos!

Espazo Solidario

Achegádevos a coñecernos!
Espazo Solidario é un local aberto á cidadanía, a onde pode acudir toda aquela persoa interesada en informarse e/ou formarse no ámbito da solidariedade e o voluntariado. Ademais, está ao dispor das entidades de acción voluntaria, cooperación para o desenvolvemento, solidariedade e xustiza internacional pondo a disposición daquelas que así o soliciten, espazos e servizos cos que poder levar a cabo a súa actividade interna e externa, facendo uso dun despacho como sede social e/ ou desenvolvendo actividades propias.
Xa podedes acceder á instrución provisional e aos formularios de solicitude de uso dos espazos.
Nesta primeira etapa do camiño imos comezar poñendo ao dispor das entidades que así o demanden o uso do espazo común. Desexamos poder facer o mesmo co despacho social nun período de tempo o máis breve posible.
Os formularios deberán ser entregados no propio local  Espazo Solidario xunto coa documentación requirida. Descárgaos aquí.

Achegádevos a coñecernos! Estamos ao voso dispor de luns a venres, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h, no Paseo das Pontes, s/n.